Terra ceibe na espranza nembramos de xionllos

e nembramos ergueitos debruzados na herba

deica a aba do mar

arelamos a loia que devén a cotío

na luzada do abrente a terra non é certo


De diante do cabouco nun queixume sen trégola

agromecen as flairas co lecer dos degaros

malia o eixo furado da moa estarabouza

a dor do derradeiro xiro interminabre


No relanzo do berce a carón das silveiras

xogan orfos os nenos coas xiadas quiobras


Os fillos de Breogán na lareira na artesa

atópanse coa cinza de outas verbas luidas

coas códeas mofadas da broa da costume

co fondo chamamento pra o novo desarraigo


Rota eixada cravouse no cerne dos menceres

sulagouse e perdeuse nun silenzo de augamas


Inda o tempo das nais briza berces valeiros

i envellece no loito das ardigas tafegas

acougando no armario as mazáns recendentes

que uns beizos degoraran anovado recordo


Atendo a terra xira no caos é o meu desterro

e o pulo de xurdir a mais ampra eisistencia

no amor da identidade a eito estremorece

a nova servidume Breogán do teu pobo


Morte vouga agoiramos de xionllos na espranza

e agoiramos ergueitos debruzados na herba

a cabalo da anguria

agoiramos o ouvido tremelido do lobo

nos ruibéns do solpor a morte non é certo



Morte ceibe nembramos terra nosa na espranza

cando a Galicia esbullan Breogán o teu nome

e nembramos ergueitos deica a aba do mar

somentes terra alléa debece a liberdade


Verme a xermola a teima apodrecen no froito

a ardesía laboura do arfado xurdimento


Desfollamos na chaira os derradeiros sinos

cando a Galicia esbullan Breogán o teu nome

e brilan as estrelas cingues os bois a terra

non é xa non é nosa

só a irmandade perdura deica os tempos vindeiros


Inda o tempo das nais briza berces valeiros

namentras voa a loia na luzada do abrente


Atendo a terra xira no caos é o meu desterro

e o pulo de xurdir a eito estremorece

coa nova servidume Breogón do teu pobo

a loaira dos Eoas a mais ampra eisistencia


Atende o pobo os sinos da nova servidume

coa loaira das fouces e coa eixada perdidas

cando o estar é unha ausencia doendo na nembranza

deica os tempos vindeiros só a irmandade perdura


Brila a fouce inda quente das raíces dos toxos

afroando furentes labaradas insones

mais logo esmoreceran nun éxodo de espellos

que o vento debalaba na xerfa dos ronseles


A carón das fogueiras lonxe a rente das noites

xogan orfos os nenos coas murchas referencias


Verme e xermola a teima para uns beizos sen culpa

que birtaron a lei do deporvir incerto

apodrecen no froito a ardesía laboura

dun novo rexurdir aos eidos treizoados


As fouces tremelidas nas mans do desacougo

asúan tempos vougos de anguria e desamparo


Irmáns de alléa morte nas insólitas rúas

saúdan desleirados ao perigo das verbas

cando as mans non se fan a iniciada costume

cando o estar é unha ausencia doendo na nembranza


Atendo a terra xira no caos é o meu desterro

coa nova servidume Breogán do teu pobo

cando enmoven os Eoas a loaira das fouces

deica os tempos vindeiros só a irmandade perdura


Inzade a rede o día da morte non é nosa

cunha anada de verbas pra o intre derradeiro

de pé xa non é certo na aba de alén mar

irmáns de alléa morte estivadan a tebra


 

Canto e fuga da irmandade sobor da terra e da morte