Fermín Bouza Brey
Fermín Bouza Brey
NOTICIA DE FABULARIO NOVO
Noticia de “Fabulario Novo”, por Fermín Bouza Brey. Consta como introducción na primeira edición de “Fabulario Novo” (editor Sabino Torres, 1952 Pontevedra).
Temos na man un libro de poemas feitos de silenzos rituales como obra de maxia; de longos fíos da soedade delgada das noites autumnales, cando o sapo insomne, e o vagalume trasposto compoñen para o esprito desperto do poeta un fabulario de fondas suxerenzas axotadoras da vulgaridade sentimental.
Ista poesía calada, silandeira, ben conforme can osa emozón, encérrase en versos cautelosos, de decir moi quedo para que non desperten non se sabe que meniños esquencidos baixo soportaes de tréboas, nin que doncelas encantadas cinguidas de brétema e fardadas de cristal.
Non é perceptible na poesía de Cuña Novás nin o fantasma que pasa ferindo o tecrado, nin o dedo neboente que pousa nos buratos da frauta sotil. Sabe o poeta apañar a rosa sin abalar a roseira, asegún a estética popular require. Porque os versos de iste libro, esquisito, requintado todo íl, seguen dous vizosos carreiros: o das modernas esenzas que campan no mundo composta de símbolos puros, e da tradizón galega bifurcada no popular e no medieval, enmallada sempre na rede da nova sensibilidade.
As estructuras poemáticas son, en troques, de percepción doada. Van os temas emotivos deseñándose nas primeiras estrofas por imaxes cheas de simbolismos onde xogan seu rol prolífico os vagos sonos inspiradores, os raros “élans” misteriosos, as impresións inconcretas, para vir cair nos versos derradeiros en un levián estremecer, en un revender ténue, en un sospiro apenas ou trémolo evanescente de unha xa morta nota musical.
En ista voz embazada, cáseque dormida, sabe decir o poeta sensitivo todal-as armonías da confidenza espritual erguendo a categoría eterna todo o que pode ser personal e autobiográfico.
A paisaxe poética de Cuña Novás fumiga alá no fondo un lirismo patético, unha terrible anguria do insatisfeito e do endexamais acadado que nos envolve en segredos terrores. E de ista profundidade humana, ítiga, punxente, xurde de súpeto unha cántiga dormida que quere ser leda, mais que non move apenas o silenxo percurado.
F. Bouza Brey